Biografía de Daniel Cerqueiro García

Nacín na Coruña, o 21 de Xaneiro de 1977. Fun o primeiro fillo de Ubaldo Cerqueiro Tojo e María Isabel García Nieves. Recibín moito cariño e algún exceso de mimos, circunstancia que se solucionou parcialmente cando aos 4 anos naceu o meu irmán Ubaldo. Cando tiña apenas un ano deixamos o piso alugado na rúa Primavera por un piso en Ronda de Nelle que sempre considerarei o meu primeiro fogar.

Os meus primeiros anos estiven na Gardería "O Niño", da que gardo poucos pero moi bos recordos. Desde prescolar ata COU (si, eu estudie antes da LOGSE ;-)) estiven no Colexio Obradoiro, situado en Feáns cando aínda non estaba ateigado de urbanizacións e podíase disfrutar do monte.

Despois, afortunadamente, marchei estudar Físicas á Universidade de Compostela, onde ademais de rematar a carreira comencei o doutorado, dentro do Grupo de Física Non Lineal da Facultade. De alí marchei a Ourense para rematar o doutorado en Modelización Numérica do Oleaxe e traballar como técnico na Universidade de Vigo.

Cambio de rumbo

Nese momento (2004) tiven que tomar a decisión persoal e profesional máis importante da miña vida ata o de agora, seguir ou non traballando na universidade. A verdade foi que, a pesar do bo ambiente que había no departamento onde traballaba (moito teño que agradecer a Moncho Gómez Gesteira e o seu grupo), nunca sentín que estaba aproveitando o meu tempo e as miñas posibilidades, polo que decidín tomar un novo rumbo.

Por elo marchei a vivir xunto a Irene (a miña muller) a Corcubión (Costa da Morte) e fundei alí Galinus Taller de Novos Medios. Ao principio non tiñamos moi claro a que nos íamos adicar concretamente, pero si que queríamos traballar pola nosa conta nalgo relacionado con internet e as novas tecnoloxías.

Esa época foi bastante dura, xa que a nosa decisión non foi entendida nin apoiada por unha parte do noso entorno. Realmente só tivemos o apoio da familia, de Irene e de un bo feixe de amigos. E ese apoio é máis de agradecer cando moitos deles non comprendían ben as razóns dese cambio de rumbo, pero confiaban incluso máis do que eu confiaba en min mesmo.

Esa etapa complicada foi tamén a máis enriquecedora da miña vida. De súpeto vinme obrigado a mirarme ao espello e decidir que quería facer na vida, sen ter un camiño predefinido que facilitase a elección. E o que é máis importante, tiven que demostrame a min mesmo que era o suficientemente forte como para tirar dun proxecto partindo de cero.

Volta a Coruña

No ano 2013 tomei a decisión de unir o meu camiño a empresa carballesa Abertal Networks, onde fun xerente ata finais do 2016. Ese cambio de rumbo profesional, unido ao nacemento dos nosos dous fillos (Teo e Eloi) levounos a Irene e a min a decidir volver a Coruña. Foi duro deixar atrás tantos recordos acumulados na Costa da Morte durante 11 anos, pero tamén tíñamos gañas de estar máis cerca da nosa familia (facilitando a relación entre avós e netos) e de moitos dos nosos amigos.

Actualmente compatibilizo ser CMO de Enxendra con ser socio de Phottic, ademais de realizar activades formativas e divulgativas sobre Márketing Online, Transformación Dixital e Emprendedurismo.

Volver á páxina de inicio.